Queridos amigos e amigas:
Case sen decatarnos chegou a fin do curso, xa estou notando o silencio nos corredores, nas aulas e neste meu recuncho chamado BiblioRía. Aínda non marchástedes e xa vos voto en falta, pois aquí, neste curso, pasaron cousas moi interesantes case, case , misteriosas… xa vos contaran o curso pasado que as bibliotecas eran espazos máxicos e que nelas, se estabamos moi atentos, podíamos ver elfos, fadas, bruxas, …e nós xa comprobáramos que era verdade, pero, que sorpresa vos levástedes este ano cando de súpeto en Setembro vos estaba agardando Landro!!
Neste Ano Internacional dos Bosques este trasniño foi quen de ensinarnos tantas cousas sobre as árbores. . . eses seres que poboan os bosques. Contounos, por exemplo, que o vento é o berce das árbores, pois polas súas pólas viaxa a maxia dos ventos, maxia na que viaxan os contos duns lares a outros , e que no piar dos paxaros que van dentro , podemos escoitar ledos versos.
Como tamén me contou Castelao “A árbore é un engado dos ollos, pola súa fermosura; é unha delicia dos oídos, porque nela cantan os paxaros; é un arrolador do espírito porque nas súas pólas conta contos o vento. A árbore pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura”.
En fin, despois de tanta actividade: préstamos, mochilas viaxeiras, día da prensa, día da árbore e da poesía, día do teatro, mes do libro, … chegan as vacacións e con elas o merecido descanso e as despedidas. Tamén nós ( os libros, Landro e eu) necesitamos descansar, polo que dende aquí queremos desexarvos unhas boas vacacións, disfrutando da familia e dos amigos, da natureza que nos rodea, dos montes e do mar, pero non esquezades levar sempre con vos un bo libriño. . . en calquera momento e lugar nos fará soñar.
Tamén temos que despedirnos da profe Marina, que tanto empeño puxo en crear este espazo marabilloso do CEIP Ría de Vigo que é a BiblioRía. Tanto entusiasmo posto neste proxecto, tanto agarimo polos libros, tanta preocupación pola súa axeitada colocación, tantas horas de traballo, pero sobre todo, tantos desexos de que todos e cada un de vos descubrades o amor pola lectura. . . Graciñas Marina! Feliz Xubilación! Aquí terás sempre o teu recuncho onde poderás mergullarte sempre que o desexes.
E a vós, nenos e nenas, profes e demais membros da comunidade educativa, desexarvos un bo verán para atoparnos en Setembro cheos de enerxía na BiblioRía. Felices Vacacións e Felices Lecturas!!!
Con agarimo, Gaspar.