miércoles, 26 de octubre de 2011

Tempo de Samaín

Como todos os anos por estas datas chega o Samaín. Historias de medo, lendas e cabazas son as protagonistas desta celebración de orixe celta.
Para xogar e divertirnos, imos lembras as dúas actividades LIM realizadas durante o curso pasado e coas que poderedes traballar vocabulario sobre o tema.

(podes xogar en pantalla completa, premendo no botón superior de dereita con forma de cadro)
Libro colaborativo LIM sobre o Samaín

Carta de Gaspar no mes de outubro

Ola nenos e nenas!
 Xa estou no camiño de volta ao cole, aínda que me atopo un pouco lonxe.
Agora xa non estou nas frías augas do CANADÁ, senón nas augas quentes do CARIBE, por iso decidín pasar aquí uns días disfrutando deste clima: “Que ben se vive, neste Caribe. . . “
Aquí atopeime cuns vellos amigos que viven nun antigo GALEÓN español, afundido fai moitísimo tempo polos PIRATAS.
 Hai moitísimos barcos e moitísimas  illas, e dinme os meus amigos que  nalgunhas destas illas aínda quedan TESOUROS  agochados  dalgúns PIRATAS despistados que perderon o MAPA,  pero eu  non tiven a sorte de atopar ningún tesouro. Aínda que nunca se sabe!
 O que si atopei foi unha chea de   contos e outros libros  moi fermosos  que vos quero levar, a ver si vos gustan! Son historias cheas de aventuras, fantasía e imaxinación, aínda que outras son completamente reais, e en todas elas estou a aprender unha morea de cousas que ignoraba das embarcacións coas que me cruzo a diario navegando polos sete mares.
Coidade da BiblioRía, aí tamén se atopan agochados unha chea de TESOUROS.
Pois ben, vémonos na BiblioRía o venres 28 de Outubro e faremos unha gran festa para celebrar este encontro. Teño moitas gañas de vervos, aínda que sinto mágoa de deixar de xogar entre tantos BARCOS como aquí hai.
Fágovos unha proposta: Decorade os corredores con barcos que vos gusten e así tamén vos sentiredes a aventura de navegar polos sete mares, e eu seguirei navegando entre lectura e lectura, facendo nosa a frase de Arturo Pérez-Reverte “Suban a bordo, lean e naveguen”.
Ate pronto. Bicos.

GASPAR
Outubro 2011

domingo, 16 de octubre de 2011

Premios Planeta 2011

         O sábado á noite, o escritor madrileño JAVIER MORO gañou  o PREMIO PLANETA coa obra " EL IMPERIO ERES TÚ"; unha novela de historia e aventuras sobre a vida do emperador independentista Pedro I ,emperador portugués responsable da independencia de Brasil, que cambiou a historia de dous continentes, América e Europa, durante a primeira metade do século XIX.

        A escritora extremeña INMA CHACÓN, irmá da desaparecida Dulce Chacón, quedou finalista coa obra  " ELTIEMPO DE ARENA" ; unha historia de tres mulleres que loitan polos dereitos que naquel momento non tiñan.

          

Vídeo da entrega dos PREMIOS PLANETA:
http://www.abc.es/videos-cultura/20111016/javier-moro-gana-premio-1221553098001.html

miércoles, 12 de octubre de 2011

12 de outubro: Día da Hispanidade

Hoxe, mércores 12 de Outubro, se celebra o Día da Hispanidade no que se conmemora o Descubrimento de América por parte de Colón.
Aquí vos deixamos con esta divertida canción para celebralo; agardamos que vos guste.


domingo, 9 de octubre de 2011

A importancia das bibliotecas familiares

       
A IMPORTANCIA DAS BIBLIOTECAS FAMILIARES


        Os nenos que viven nunha casa onde hai moitos libros, teñen máis posibilidades de desenrolar o gusto pola lectura.

         Un neno que le, activa a súa mente, posibilitando a capacidade de pensar; polo tanto a lectura convértese nunha  ferramenta extraordinaria de traballo intelectual, xa que poñe en acción as funcións mentais, axilizando a intelixencia. Todo isto fai que mellore o seu rendemento escolar e, polo tanto, o seu futuro.

        Hai familias que non teñen posibilidades económicas para ter unha biblioteca na súa casa; pero si teñen unha biblioteca na escola, no barrio e no concello,  onde sempre poden atopar un libro especial para cadaquén.

        Hai que  lembrar sempre que  máis  importante aínda que ter unha biblioteca na casa é  non esquecer  que os nenos fan o que ven facer ós pais. Como di o último anuncio publicitario fomentando a lectura dende o Ministerio de Cultura:

 " SE  TI  LES,  ELES  LEN"  

Enlaces relacionados:

 -  Artigo publicado por Joaquín Rodríguez  

http://www.madrimasd.org/blogs/futurosdellibro/2011/09/15/133700

-  Vídeo " Si tu lees, ellos leen"







martes, 27 de septiembre de 2011

PECHA A EDICIÓN DIXITAL DO SEMANARIO "A NOSA TERRA"

A edición dixital do semanario " A Nosa Terra" di adeus despois de 104 anos de historia;  editando libros tan coñecidos por nós de esa familia tan simpática e divertida chamada : " Os bolechas"

                          Artigo publicado na "Voz de Galicia"

AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ GAÑOU O VII PREMIO IBEROAMERICANO SM DE LITERATURA INFANTIL E XUVENIL

     O escritor galego, tan coñecido por todos nós, AGUSTÍN FERNÁNDEZ PAZ, recibirá o día 29 o premio Iberoamericano máis importante, que se concede a autores cunha carreira literaria consolidada no ámbito da Literatura Infantil e Xuvenil.


     Das 45 obras escritas por este autor lucense, Gaspar puido rescatar algunhas delas e traelas a BiblioRía, para que todos e todas disfrutedes de este gran escritor.


     Dende a BiblioRía só nos queda felicitar a Agustín por tan merecido premio.


    Artigo publicado  no Faro de Vigo   
   http://www.farodevigo.es/sociedad-cultura/2011/09/12/agustin-fernandez-paz-gana-vii-premio-iberoamericano-sm-literatura/579649.html

Última entrevista que concedeu o día 13 de setembro, na que fala da situación da Literatura Infantil e Xuvenil galega.

Benvid@s a un novo curso na BiblioRía

BENVI@s a un novo curso escolar na BiblioRía; desexamos vivir con todos milleiros de actividades e experiencias que aumenten o noso amor pola lectura.
Ah!... Gaspar non quere pasar sen dicirvos unhas palabras:
Hola amiguiños!
Supoño que xa estaredes disfrutando  a tope do noso cole Ría de Vigo, non si?
Que sorte a vosa! Eu aínda me atopo un pouco lonxe, a moitas millas de aí, e xa estou sentindo moita morriña, por iso quero voltar o mais axiña posible.
Que tal de vacacións? Xa me contaredes algo. Vivístedes moitas aventuras? Eu, pola miña parte, teño moitísimas cousas  que contarvos das miñas viaxes polos mares do Sur e do Norte, onde me atopo agora mesmo.
Nin vos imaxinades o que  se pode atopar no fondo do mar . . . e a de historias de barcos que se escoitan nos portos da costa!
En canto chegue quero contárvolo todo, todo, todo!
Tamén atopei unha chea de libros que falan de historias que aconteceron no mar: aventuras,  viaxes, etc. que axiña estarán nos andeis da BiblioRía e así vos tamén   poderedes vivir tantas aventuras coma min.
 Xa estou impaciente por chegar,  moitas historias agardan por nos este novo curso.
 Bo comezo e bicos xeados dende o Ártico. Con agarimo,
                                                                                                    Gaspar
                                                                                               Setembro, 2011      

miércoles, 13 de julio de 2011

Festival de Fin de Curso

O día 22 de xuño, no CEIP Ría de Vigo, rematamos o curso coma tódolos anos cun estupendo festival, onde cada clase tiña preparada unha actuación para deleite de toda a comunidade educativa. Foi unha xornada marabillosa onde alumnos, profes, familias, etc. Viviron alegrías, nervios, sorrisos e algunha bágoa . . .
Pero non poderíamos rematar este curso sen dedicarlle un apartado especial ao tema central de tódalas actividades no cole: O Ano Internacional dos Bosques.
Por iso os nenos e nenas de E. I. de 3 anos metéronse no bosque de Carapuchiña Vermella e fixeron unha estupenda  representación do conto.
Tamén,  pola súa parte, os nenos e nenas de 4º de E.P. quixéronos recordar a importancia de coidar a Natureza mantendo o monte limpo. Representaron unha pequena obra de Alicia Borrás titulada “Los árboles”, que prepararon coa súa titora. A autora, Alicia Borrás, asistiu ao Festival e emocionouse moitísimo ao ver tan ben representado o seu conto.

miércoles, 22 de junio de 2011

Vacacións do curso na BiblioRía

Queridos amigos e amigas:
Case sen decatarnos chegou a fin do curso, xa estou notando o silencio nos corredores, nas aulas e neste meu recuncho chamado BiblioRía. Aínda non marchástedes e xa vos voto en falta, pois aquí, neste curso, pasaron cousas moi interesantes case, case , misteriosas…  xa vos contaran o curso pasado que as bibliotecas eran espazos máxicos e que nelas, se estabamos moi atentos, podíamos ver elfos, fadas, bruxas, …e nós xa comprobáramos que era verdade, pero,  que sorpresa vos levástedes este ano cando de súpeto en Setembro vos estaba agardando Landro!! 


Neste Ano Internacional dos Bosques este trasniño foi quen de ensinarnos tantas cousas sobre as árbores. . .  eses seres que poboan os bosques. Contounos,  por exemplo,  que o vento é o berce das árbores, pois polas súas pólas viaxa a maxia dos ventos, maxia na que viaxan os contos duns lares a outros , e que no piar dos paxaros que van dentro , podemos escoitar ledos versos.
Como tamén me contou Castelao A árbore é un engado dos ollos, pola súa fermosura; é unha delicia dos oídos, porque nela cantan os paxaros; é un arrolador do espírito porque nas súas pólas conta contos o vento. A árbore pídelle auga ao ceo para que a terra teña sangue, vida e bonitura”.

Pódese dicir que realmente atopamos Os tesouros do Bosque”.
En fin, despois de tanta actividade:  préstamos, mochilas viaxeiras, día da prensa, día da árbore e da poesía,  día do teatro,  mes do libro, … chegan as vacacións e con elas o merecido descanso e as despedidas. Tamén  nós ( os libros, Landro e eu) necesitamos descansar, polo que dende aquí queremos desexarvos unhas boas vacacións, disfrutando da familia e dos amigos, da natureza que nos rodea, dos montes e do mar, pero  non esquezades levar sempre con vos  un bo libriño. . . en calquera momento e lugar nos fará soñar.

Tamén temos que despedirnos  da profe Marina, que tanto empeño puxo en  crear este espazo marabilloso do CEIP Ría de Vigo que é a BiblioRía. Tanto entusiasmo posto neste proxecto, tanto agarimo polos libros, tanta preocupación pola súa axeitada colocación, tantas horas de traballo, pero sobre todo, tantos desexos de que todos e cada un de vos descubrades o amor pola lectura. . . Graciñas Marina!  Feliz Xubilación! Aquí terás sempre o teu recuncho onde poderás mergullarte sempre que o desexes.

E a vós, nenos e nenas, profes e demais membros da comunidade educativa, desexarvos un bo verán para atoparnos en Setembro cheos de enerxía na BiblioRía. Felices Vacacións e Felices Lecturas!!!
Con agarimo, Gaspar.