Do 4 ao 31 de marzo de 2012, desenvolverase en Pontevedra unha nova  edición do Salón do Libro Infantil e Xuvenil. Este proxecto cultural que  comezou a andar no ano 2000, constitúe unha das pezas máis prezadas da  programación anual do Concello de Pontevedra. 
Dende a nosa BiblioRía animamos a todos os usuarios e usuarias do blogue que visiten esta actividade xa que merece a pena.
O tema deste ano é 12 + 1
O Salón indagará nas supersticións, de onde veñen estas crenzas, na  importancia dos números nos contos, na boa e mala sorte, e nas historias  dos nosos maiores e como se trasladan á literatura infantil.
A presenza das supersticións é habitual tanto na tradición oral como  na literatura contemporánea. Maniféstase de moitos xeitos. Cos  números:12+1 (no canto de 13); con símbolos máxicos que funcionan coma  amuletoss: a figa, a pata de coello...; coas accións que nos dan poder  ou nos apartan do mal: cruzar os dedos, pasar a man pola barriga dunha  preñada, atopar un trébol de 4 follas, botar o sal por enriba das  costas, fregar o chepón dun concorvado... coa presenza de seres  sobrenaturais como a Santa Compaña; co máxico poder de lugares especiais  coma os cruces de camiños ou os camposantos; con elementos que nos dan  medo ou nolo quitan: allos, cruces de madeira... con apócemas máxicas: a  queimada e o seu conxuro... e mesmo con animais tan cotiáns coma os  gatos. Se son negros, mellor que mellor!
Autor homenaxeado
O autor homenaxeado de 2012 é Paco Martín, escritor e mestre nado en  Lugo en 1940 e cunha grande traxectoria de publicacións e premios. O seu  primeiro libro, Muxicas no espello, apareceu en 1971. Publicou despois  as novelas No cadeixo (1976) e E agora cun ceo de lama (1981) e o volume  de relatos Dende a muralla (1990), obras todas elas obxecto de  excelente acollida pola crítica. Mención aparte merece a súa  contribución á literatura infantil e xuvenil, na que fixo acreedor do  Premio Nacional de Literatura Infantil e Xuvenil no ano 1986 co libro  Das cousas de Ramón Lamote e á que aportou libros como Lembranza nova de  vellos mesteres (1988). Con Historias para ler á noite (1992) acadou  dos seus maiores éxitos.
Dende a portal web do Salón do Libro Infantil e Xuvenil poderedes acceder a toda a información relacionada con este evento: programación de actividades, notas de prensa, galería de imaxes,...
Aquí vos deixamos o contacto:
 

No hay comentarios:
Publicar un comentario